Páxinas

mércores, 12 de decembro de 2012

12.12.12

 

Hoxe celebramos o centenario do nacemento do escritor Celso Emilio Ferreiro, escoitade o seu poema "Deitado fronte ao mar" interpretado polo grupo Dios ke te crew.

"O mellor agasallo"

Este mes é tan intenso que parece que todo vai á présa: os festivos, o frío, os exames, as vacacións de Nadal, as festas, eses agasallos tan esperados.
Todos ides recibir algún agasallo especial: roupa, cartos para a excursión de fin de curso, algún xogo... pero recordade que o mellor agasallo é disfrutar destas festas cos que máis queredes e máis vos coidan. Fagamos realidade este agasallo tan especial...


"Etiquetados en galego, por favor"




Recordade na casa a importancia de consumir productos da terra, etiquetados en galego, para galeguizarnos, para axudarnos e para gañar en calidade. Consume productos galegos: leite, pan, queixo,  mel, iogures e... que aproveite!!

"Felicita o Nadal en galego".



Xa estamos no mes de Nadal e un ano máis participastes no concurso de debuxo "Felicita o Nadal en galego". O xurado tívoo moi difícil para escoller gañador que vós coñeceredes pronto, xa que o vindeiro 21 de decembro recibiredes unha postal de felicitación co debuxo gañador impreso. Para que vaiades facéndovos á idea de que xa case estamos inmersos no Nadal aquí vos deixo o seguinte vídeo de Mamá Cabra: "Na casa da miña avoa"

venres, 28 de setembro de 2012

3º ESO

Hoxe preséntovos aos rapaces da miña titoría, non están todos, así que repetiremos foto. Pouco a pouco irán aparecendo o resto dos grupos. Así que estade atentos. 
Pasade un bo fin de semana, recuperádevos, vide con ánimo, ideas e imaxinación.

mércores, 12 de setembro de 2012

Xa estamos de volta...

 Despois deste longo e marabilloso verán xa estamos aquí de novo para comezar a traballar. Quedanos un curso moi intenso por diante, con moitas ganas de facer cousas, actividades, lecturas, viaxes... Innumerables encontros que imos compartir todos. Así que aquí comeza a historia...


Nos libros atoparemos un sinfín de aventuras.



sq

 

xoves, 21 de xuño de 2012

GRACIAS


Remata o curso e dende aquí quérovos agradecer a vosa colaboración nas diferentes actividades que desenvolvimos neste tempo. Agardo contar con vós o curso que vén. Aquí vos deixo un pequeno agasallo fotográfico: todos saídes guapísimos e guapísimas, pero quero que observedes as caras de felicidade que teñen María e Lina... e Jonathan.
3º e 4º ESO na presentación de "Vilamor"

venres, 8 de xuño de 2012

Novo libro en galego

O venres 22 de xuño o escritor  ferrolán Manuel J. Díaz Vázquez vai presentar a traducción ao galego dun libro da súa autoría. A obra leva como título "Ás vacas da señora Helena non lles gusta o pemento picante", e transpórtanos a unhas vacacións de verán nunha paisaxe ideal, unhas vacacións de recordos, de humor... É a súa primeira novela na nosa lingua, así que animámolo a seguir escribindo en galego.
Manuel J. Díaz Vázquez naceu en Ferrol no ano 1960. Estudou filosofía e desenvolveu unha activa faceta literaria. A súa primeira novela titulouna Queso fresco con membrillo. Foi finalista do premio La isla de las letras con La calavera de Yorick. Outro dato interesante da súa biografía é que estodou no noso centro; por certo, adiantounos que a súa próxima novela ten que ver cos seus anos de estudante. Agardámola.
A presentación do libro terá lugar o venres 22 de xuño ás 20,30 h no Local da Asociación de Veciños da Gándara. No acto estará acompañado polo coñecido escritor Antón Cortizas.
Aquí vos deixo unha foto dunha paisaxe ideal, sabedes onde é?

mércores, 30 de maio de 2012

PARA QUE LEAS O MUNDO

Cando a imprenta aínda non existía, o emperador Carlomagno formou amplos equipos de copistas, que en Aquisgrán crearon a mellor biblioteca de Europa.
Carlomagno, que tanto axudou a ler, non sabía ler. E analfabeto morreu, a principios do ano 814.

Este texto traducido ao galego é unha das historias que podedes atopar no libro de Eduardo Galeano "Los hijos de los días".
                                          


A beleza das cousas...

O venres 25 de maio elixiuse o traballo gañador do concurso "O monte é a nosa vida", non fomos nós, pero estivemos encantados de participar. Así que aquí vos deixo o traballo que presentou 3º da ESO, e recordade: "A beleza das cousas está no espíruto de quen as contempla".
Gracias a todos: Marco, Bruno, Jenny, Sara, Fabio, Ángel, Jessy, Ángela, Claudia, Sonia, Laura, Jonathan, Cristian e Vicente.


xoves, 24 de maio de 2012

Manifesto Vitaminas para o galego.

Agradecémosvos a todos a vosa colaboración e non olvidedes que vós sodes as vitaminas que necesita o galego... é a vosa lingua.


GRAZAS.

luns, 21 de maio de 2012

VILAMOR : "Tés que vela"

Enviámoslles moita sorte a estes rapaces de 3º e 4º de ESO ( Jenny, Antía, Laura e Fabio -non olvidamos tampouco a Dessi) que decidiron participar no concurso "Tés que vela". Fixeron un video breve no que promocionan a película galega Vilamor animando a toda a xente que atopan a que vaia vela. Aquí o tedes, visitádeo e ide ver a peli. 
Oxalá gañedes, así teredes a fortuna de pasar unha agradable fin de semana nos Ancares.






luns, 7 de maio de 2012

Estrea de "Vilamor"

O venres 11 de maio estréase en Narón (nos cines de Odeón) a película galega "Vilamor". Os rapaces de 4º xa viron este curso "Pradolongo", o anterior filme do director Ignacio Vilar.
"Vilamor" transpórtanos á Galicia do ano 1976, onde Breixo descubre unha comuna "hippy" na aldea de Vilamor. A el sedúcelle ese estilo de vida polo que estará disposto a axudalos a recuperar a aldea.
Animádevos a ir vela. Despois comentámola. 


domingo, 15 de abril de 2012

23 de abril - Día do Libro

O vindeiro  23 de abril celébrase o Día do Libro. Escolleuse esta data porque ese mesmo día, pero en 1616, faleceron dous dos grandes escritores da literatura universal: o inglés William Shakespeare e  Miguel de Cervantes. Realmente, aínda que coincidiron na data da morte, o que non coincidían eran os calendarios. Shakespeare morreu o 16 de abril pero do calendario xuliano, mentres en España xa estaba establecido o calendario gregoriano (dende 1587). O calendario xuliano ía once días atrasado respecto ao gregoriano, así Shakespeare tería morto non a finais de abril, senón a principios de maio.
Con motivo desta data imos celebrar no centro varias actividades: traballaremos nas aulas con algunhas obras pertencentes á literatura universal e realizaremos unha exposición destas  na biblioteca do centro.

sábado, 31 de marzo de 2012

xoves, 29 de marzo de 2012

Mañá saímos ao monte!

Mañá os rapaces e rapazas de 3º de ESO saímos ao monte para captar coas nosas cámaras as marabillosas imaxes que este nos ofrece. A natureza é para coidala e disfrutala, iso é o que debemos gardar nas nosas conciencias. Dende o noso blog queremos condenar a actitude daqueles ingratos que se adican a queimar a nosa Terra, levando por diante tamén vidas humanas. O noso recordo hoxe vai para o brigadista falecido en Castrelo do Val.
Agora reproducimos unhas verbas que nos deixou Castelao sobre a árbore como fonte de riqueza galega:
"A árbore.- A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia.
A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha ledicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolador do espírito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.
A árbore dáno-la froita, que é un manxar composto polo mesmo Creador, para regalía do noso padalo: o derradeiro ben que nos quedou do Paradiso perdido.
A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.
A árbore dáno-la sombra fresca no verán e a quentura garimosa no inverno.
 A árbore dáno-las traves, o sobrado e as portas da casa. Dáno-la cama,o almario das sabás e a artesa do pan. dáno-lo berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar á terra.
A árbore dáno-lo papel barato que trae a de cotío as novas do que pasa no mundo. 
Vale máis unha Terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.
Na nosa Terra danse as mellores árbores.
O día que saibámo-lo que vale unha árbore, aquel día non teremos necesidade de emigrar.
 
 

venres, 23 de marzo de 2012

Concurso Novos Talentos.

Un ano máis alumnos do noso centro teñen a oportunidade de participar no concurso de Novos Talentos que organiza Coca-Cola. Catro alumnos de 2º de ESO participaron neste clásico concurso de redacción. O 16 de marzo tivo lugar a proba escrita en lingua galega e os nosos representantes foron Ángel Castro e Iván Nieto. Hoxe acudían a realizar a súa proba en lingua castelá as súas compañeiras Noelia Padín e Tamires Escudero. Moita sorte aos catro!

Dúas galegas en Washington.

Laura Calvo e María Vilar son dúas rapazas galegas de 15 anos que gañaron o concurso Youtube Space Lab. As dúas estudan nun centro público de Rois (A Coruña).
Grazas ao seu traballo titulado Surfactante en microgravedad viaxaron onte a Washington onde tiveron a oportunidade de experimentar a mesma sensación que os astronautas nun entorno de gravidade cero. Alí xogaron e fixeron todo tipo de piruetas e, como non, a bandeira galega tamén flotou na ingravidez.
Noraboa ás dúas rapazas e aos seus profesores!


domingo, 18 de marzo de 2012

Día Forestal Mundial.

O próximo 21 de marzo celébrase o Día Forestal Mundial. Para conmemorar esta data recibiremos no noso centro a un técnico de Confemadera-Galicia que tratará de explicar aos nosos alumnos a importancia e singularidade dos nosos montes.
Tamén axudará ao rapaces de 3º de ESO a perfilar ideas para participar como grupo no concurso "O monte é a nosa vida".
Relacionando esta data coa literatura recomendaría a obra titulada "O home que prantaba árbores", escrita en 1953 por Jean Giono. É unha metáfora de principio a fin, na que o protagonista Elzeard Bouffier, adicase a prantar árbores e a repoboar un lugar totalmente desértico. Coa súa constancia logrou reforestar el só todo un bosque. É un exemplo de actitude na vida.

mércores, 7 de marzo de 2012

Recordando a Carlos Casares.

O venres cúmprense 10 anos do pasamento do gran escritor galego Carlos Casares. Como seguidora nos últimos anos da súa columna "Á marxe" quero recordalo neste día e reivindicar as Letras Galegas 2013 para traballar e eloxiar a importante obra deste autor.
Para coñecer algo máis de Carlos Casares podedes visitar a páxina da Fundación Carlos Casares.

luns, 27 de febreiro de 2012

CONCURSOS


Presentámosvos o concurso de debuxo e fotografía organizado desde Confemadera-Galicia no marco da campaña "O monte é a nosa vida" que pretende sensibilizar da importancia do monte galego para a sociedade.
O concurso vai dirixido a alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, podendo participar individualmente ou como clase.
Animádevos a participar. Máis información aquí.

domingo, 8 de xaneiro de 2012

BENVIDOS E BENVIDAS

O Blog que hoxe nace ten como obxectivo o de servir de apoio ás clases de Lingua e Literatura Galega que impartimos no CPR Jorge Juan de Xuvia.
Tamén dende o Equipo de Normalización e Dinamización lingüística do centro pretendemos incentivar o uso da lingua galega por parte do alumnado, presentando aquí as diferentes actividades desenvolvidas ao longo do curso e informando sobre temas de interese relacionados coa nosa cultura.