Páxinas

mércores, 23 de novembro de 2016

O Magnolio de Xuvia

En Galicia temos moitas árbores centenarias, árbores que nos acompañaron durante varios séculos da nosa historia, testemuñas dos nosos cambios. En Viveiro é moi visitado o gran eucalipto apodado O Avó, na Estrada atopamos a árbore máis vella de Galicia, unha sobreira datada en tempos dos Reis Católicos.
No concello de Narón, aquí preto do noso centro, na desembocadura do río Xuvia, atopamos un exemplar incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia: un Magnolio Común.
A esta árbore calcúlanselle uns 300 anos, o único exemplar desa idade que se conserva en Galicia.
Probablemente o tivera plantado algún mariñeiro local ou algún emigrante que o puido traer como algo exótico, xa que é orixinario de América do Norte.
As follas e flores desta árbore presentan propiedades curativas, xa que na Idade Media usábanse en infusión para aliviar as molestias dixestivas e para curar a gota.
O pasado ano saltou a alarma sobre o estado desta árbore, porque perdeu follas e as que tiña amareleaban, probablemente tivera algo que ver nesta situación as obras de saneamento que se viñan desenvolvendo no paseo.
Desde hai uns anos incluímos as visitas a esta árbore centenaria dentro das actividades do centro, coa finalidade de que os nosos rapaces coñezan e aprecien o seu valor.

3º ESO



Ningún comentario:

Publicar un comentario